06 outubro 2006

O FUTURO NO CINEMA

Moitos escritores (Dick, Asimov, Orwell, Clarke, Verne...) tiveron visións do futuro, cada un dende a súa época, que propuñan mundos convulsos e (en maior medida canto máis contemporáneos) case sempre decadentes. Viron vir dende lonxe problemas que aínda hoxe algúns non queren recoñecer.


O cinema fixo moito para divulgar estas visións e son precisamente os filmes que adaptaron estas novelas os que figuran no Olimpo das melloras cintas de ciencia ficción. Algunha amósanos o perigo da rebelión das máquinas, coma o HAL de ‘
2.001: A space odyssey’ (Stanley Kubrick, 1968) ou o invulnerable androide de ‘I, robot(Alex Proyas, 2004), adaptacións as dúas de relatos de Arthur C. Clarke e Isaac Asimov respectivamente. A perversión da sociedade no futuro centra o filme ‘1984’ (Michael Radford, 1984), versión cinematográfica da novela de George Orwell, no que o Grande Irmán vixía pola pervivencia do pensamento único e a anulación dos sentimentos das persoas, e tamén a máis escurantista ‘Dark City’ (Alex Proyas, 1998), máis ben un conto de terror posmoderno. Todo o contrario ao absurdo final que Steven Spielberg deu a un filme aceptable coma ‘AI’ (2001), un proxecto orixinal de Stanley Kubrick, no que evidencia unhas carencias en materia científica que quedaron aínda máis patentes en ‘Minority report’.


'The matrix’ (irmáns Wachowski, 1999) e, sobre todo, ‘Blade runner’ (Ridley Scott, 1982), dous dos mellores expoñentes dentro deste xénero, abordan ao tempo ámbolos dous aspectos: a tiranía do ser humano do futuro e o levantamento da máquina contra o seu creador. Outros filmes coma ‘Gattaca’ (Andrew Niccol, 1997) advirten dos perigos que supón o home para o propio home, un pouco na liña que Orwell denunciaba (dun xeito non tan encuberto) ao nazismo ou Aldous Huxley no seu ‘Un mundo feliz’.



É un erro supor que o cinema só abordou o tema do futuro nas últimas décadas. Un dos pais do cinema, George Méliès, cravou o seu proxectil no noso satélite na súa adaptación de Jules Verne ‘
Viaxe á lúa’ (1902). Fritz Lang, pola súa parte, adiantouse medio século aos seus herdeiros con ‘Metropolis’ (1926), de visión obrigada para entender tanto a evolución da técnica coma da arte cinematográfica.

Outros títulos a destacar poderían ser THX 1148 (George Lucas, 1971), Mad Max (George Miller, 1979), Waterworld (Kevin Reynolds, 1995), ‘Abre los ojos’ (Alejandro Amenábar, 1997), ‘O quinto elemento’ (Luc Besson, 1997) ou mesmo a visionaria ‘Sleeper’ (Woody Allen, 1973).



Filmes coma a cadenciosa ‘Dune’ (David Lynch, 1984), a supertaquilleira triloxía de ‘Star Wars’ (George Lucas, 1977) ou a terrorífica saga que comeza ‘Alien, o oitavo pasaxeiro’ (Ridley Scott, 1979) deben ser, máis ben, considerados filmes de aventuras.

Etiquetas: ,

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial